22 de abril de 2016

INVESTIGACIÓN XORNALÍSTICO-DEPORTIVA

Durante as últimas semanas realizamos unha pequena investigación que se baseaba en observar, que, cantas e cales novas de caracter deportivo aparecían nos xornais que trouxemos á escola. Unha vez identificadas as novas, recortámolas e organizámolas segundo os deportes dos cales falaban. A continuación, cuantificamos cantas novas había de cada deporte e rexistrámolas nun diagrama. Por outra banda, fixemos o mesmo segundo aparecían homes e mulleres. As conclusións ás que chegamos foron as seguintes:

-O fútbol era o deporte máis numeroso.
-Varios deportes que eran do noso interese non aparecían nas novas.
-Os homes deportistas eran amplamente maioría fronte as mulleres.

Reflexionamos sobre o tema, e algúns opinamos que esta situación non nos parecía xusta, de tal xeito que decidimos que deberíamos tomar unha solución. 

Debido a que nós, non podemos decidir que novas aparecen nos medios de comunicación, consideramos que o máis acertado era poñerse en contacto coas persoas que deciden a edición dos xornais e dos telexornais. Tivemos en conta varias opcións, entre elas: enviar unha carta, chamar por teléfono, mandar un whatsapp, enviar unha postal, etc. Finalmente, decidimos gravar un vídeo coas nosas peticións e compartilo. Non todos quixemos participar na elaboración do mesmo, polo que os rapaces e rapazas que aparecemos fixémolo de xeito voluntario.

Unha vez elaborado o vídeo, e visto o resultado, pensamos que sería interesante facer o seguinte:
-Compartilo coas nosas familias.
-Gardalo para podelo ver cando sexamos maiores, e así, ter un recordo.
-Difundilo ao mundo enteiro.
-Enviarllo á persoa encargada da edición dos telexornais e xornais.

E niso estamos....a continuación podedes ver o resultado.


No hay comentarios:

Publicar un comentario